manuel_antonuio.jpgManuel Antonio

Rianxo (1900) - Rianxo (1930)

É a figura principal da vangarda galega. Nace en Rianxo o 12 de xullo de 1990 e finou en Asados (Rianxo) o 28 de xaneiro de 1930. Manuel Antonio naceu no seo dunha familia conservadora. Aos dous anos foi vivir a Padrón por causa da tuberculose que padecía seu pai, e da que morrería cando Manuel Antonio só tiña catro anos. Viviu primeiro na casa da avoa materna e despois cun tío que exercía, daquela, como sochantre da catedral de Iria Flavia. As primeiras ensinanzas recibiunas neste ambiente dominado polo conservadorismo e a relixiosidade, contra o que xa dende ben novo combatería o seu espírito inquedo. Con só once anos escribiulle unha carta á súa nai na que lle comunicaba a decisión de non seguir a carreira eclesiástica, e matriculouse en 1913 nun instituto de Santiago de Compostela para estudar o bacharelato. Alí viviu a partir de 1914 durante os meses que duraba o curso escolar. Santiago quedou na súa memoria como o lugar máxico onde comeza, xunto algúns compañeiros, a militancia no galeguismo e no republicanismo. Nas súas estadías en Rianxo relacionouse con Rafael Dieste, un rapaz do seu tempo co que houbo de compartir o interese pola literatura e o nacionalismo, e mais co seu curmán Roxelio, que o animou a participar na vida literaria e política dende os anos mozos. Como amosa nas súas cartas, o bacharelato non lle interesaba. Porén, as cuestións políticas e literarias atraíano cada vez máis, adoptando sempre unha actitude radical e rebelde que se opuña frontalmente ao ambiente conservador da infancia, participando con intensidade do momento social e político, xa que Manuel Antonio non se limitou nunca a ser un simple espectador. A súa primeira rebeldía é contra o conservadorismo carlista e, por extensión, a xermanofilia. Cando en 1918, durante a Primeira Guerra Mundial, os alemáns atacaron barcos franceses, Manuel Antonio e mais o seu curmán Roxelio pedíronlle ao embaixador francés na Coruña que os alistase na Lexión Estranxeira. Diante da imposibilidade de facelo na embaixada, decidiu ir el mesmo a Francia, pero detivérono na fronteira e botou uns días no cárcere. Posteriormente tentou, tamén sen éxito, participar na Revolución Rusa de outubro e mais nas guerrillas sandinistas, en Nicaragua. Tamén no ano 1918, con só dezasete anos, enviou os seus primeiros poemas a revistas e xornais, e chegou a manter unha polémica co director da revista Suevia sobre a calidade das súas composicións. Participou tamén na loita anticaciquil que ían espallando os movementos agraristas e fixo dos seus poemas unha arma de loita, mesmo en contra da ideoloxía da súa familia; por iso, algunha vez solicitaba que ao pé do poema só constasen as iniciais. En 1919 envía un soneto a La Redención, "O sol d'a liberdade". O seu director rexeitouno porque os versos empregados non eran hendecasílabos evidenciando a incomprensión da súa estética vangardista. A partir dese momento as súas preocupacións vanse centrar na loita anticaciquil, no nacionalismo e mais na súa produción literaria, que, agás algúns poucos poemas iniciáticos, está escrita integramente en galego.

        EDDLG_principal_blanco.png  ANAGRAMA-2017-sin_borde100.png

Rúa: Ana María Mogas, s/n, Rianxiño, 15920 Rianxo
Teléfono. 981843700
Correo: enl.felixmuriel@gmail.com
b.pngBico da Ría    1373-t-castelo.png Castelo da lúa
YOUTUBE.png              F.png          t.png

2018 © CREOWEBS. Diseñamos y creamos